20091228

Gústanme os cheiros do monte.

Na Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas Levan dende o ano 1988 adquirindo terras para o desenvolvemento de tarefas de conservación e rehabilitación do medio e ata o de agora son 1028 socios que pagan unha cuota anual mínima de 10 euros. Comigo serán 1029, a ver e se algún de vós se anima e chegamos ós 200.000 polo menos!!!

20091225

Exercicio.

Descendín dende as cumes, baixei aos fríos eléctricos anoándome, cara ás xeadas super superficies armadas na vertixe do tempo, baixei dende a temperanza e os elementos da inocencia co zoante vento na cara, a memoria que deixara, cara o momento preciso do baleiro, e desorienteime na evidencia coma sempre, e aquí sigo, facéndome preguntas, círculos concéntricos, lenes apalpadelas baixo da impostada luminaria cegadora, aqueloutrado e alleo coma un demente, quizais menos libre.



20090416

20090401

Pete Rock, NY´s Finest

O pasado 2008 trouxo consigo unha morea de discazos de hip hop e algún que outro regreso agardado. Un deles, o de Pete Rock, o mestre, que voltou con "NY´s Finest", un disco que só coa súa autoría ten garantizado todo o demais. Non é un discazo, é un disco de Pete Rock e basta. Beats dos de sempre, boom-baps, scratchs, rimas de bos colaboradores que caen onde han de caer, un par de frivolités para a galería (unha ragga e outra r´n´b, que encima resplandecen), e por si fora pouco, a máis ampla e brillante versión como MC do Dj. Dous temas bastan para que a merca deste CD mereza a pena; "Till I retire" e "Best believe". El sabíao, por iso os xuntou nun mesmo vídeo.

Damas e cabaleiros, with all of you: da tru masta, Mr. Pete rock:




20090330

Kafka, Os diarios

"Á fin, tras cinco meses da miña vida nos que non puiden escribir nada que me deixase satisfeito, e que ningún poder me compensará, aínda que todos se sentisen comprometidos con elo, venme a ocorrencia de falar unha vez máis comigo mesmo. Seguía dando sempre unha resposta, cando realmente me preguntaba algo, seguía existindo sempre algo que arrincar de min, dese feixe de palla que son dende hai cinco meses e cuxo destino parece ser acenderse no vrao e arder antes de que o espectador pestañexe. ¡Ogallá me acontecera esto! E que me acontecera deceas de veces, porque nen sequera me arrepinto desa época infortunada. O meu estado non é a tristura, tampouco é ledicia, nen indiferencia, nen debilidade, nen esgotamento, nen calquera outro interés, ¿qué é entón? O feito de que non o saiba relaciónase sen dúbida coa miña incapacidade de escribir. E esta coido comprendela sen coñecé-la súa causa. De feito, tóda-las cousas que se me ocorren, non se me ocorren dende a súa raíz, senon só dende algún punto situado na súa metade."

20090327

20090324

Eduardo Chillida



Hai unha certa maneira de coñecer -previa ó que chamamos coñecemento- dende a cal é posible, sen saber cómo é unha cousa, coñecela. Esta maneira de coñecer é tan aberta que admite diversas formas, sen que por iso aínda se sepa cómo é. Este precoñecemento ou aroma é o meu guía no descoñecido, no desexado, no necesario. Nunca discuto con el a priori e nunca deixo de facelo a posteriori.



Observei esta mañá, con grande intensidade, un cristal de cuarzo e cheguei a crer que se movía, que cambiaba, que vivía. ¿Non será esto certo?

¡Que lonxe do tempo dunha rosa!



O inalcanzable perfil da ponla movida polo vento.



Follas verdes, soños de ponlas que o vento debuxa cando se acaban.



Contra a orientación, a estabilidade, o coñecemento, a seguridade... Desorientación, inestabilidade, asombro (camiño cara o coñecemento).

Máis vale cento voando que paxaro en mao.



Fíxeno mellor porque non o coñecía e ía ateigado de dúbidas e asombro.



Ser escuma -soño branco da onda-, fin da respiración do mar.



A auga ensinou ó home

a non bloqueá-la horizontal.

Escoitemo-la luz para

non bloqueá-la vertical.



Non se ve sinon o que se ten xa dentro do ollo. Vese ben tendo o ollo cheo do que se mira. É bastante sinxelo, todo se reduce a aprender a preguntar.



A primeira vez que entrei en Santa Sofía, no Estambul, tiven unha visión tremenda de espacio musical... Tiña a impresión de estar a entrar nos pulmóns de Xoan Sebastián Bach.

20090320

Fatlip, What´s up Fatlip?





"(...)Over the years seems like I'm gettin' dumber

Reminiscing to a time when I was younger with a hunger

Full of dreams, determination, self-esteem

But now it seems they hesitate to be on my team

You know the routine, when you winnin' and grinnin'

All up in your face, like they was with you from the beginnin'

But on the flipside,

When you washed up like a riptide

Fools clown 'bout how you slipped and let shit slide

Beside the fact

My voice is wack

Clowns is runnin' around, talkin' 'bout I smoke crack

Ain't got no homies that got my back(...)"



Vai! Tómalle algo Fatlip, invito eu... que é Venres.

20090316

Autocrítica

Anguriábame todo. Sempre fun un pouco mixiricas.


As zapatillas naic con cámara de aire, as ribuc de pamp, os putos levis cincocentosun, escoitalos a todos falar castelán naquel colexo “privado-subvencionado” no que os meus pais nos matricularan porque era o único en kilómetros á redonda que tiña comedor, a matanza do porco na casa dos avós, as findes desertas no pobo do papá, as mañáns de monte limpando a veiga, as putas mozas guapas, os putos mozos “guais”, as excursións, os campamentos de verán, os machotes e as señoritas bailando no centro da pista coma nas pelis ianquis, non comerme nada.

Sempre me sentín a salvo no retrete,

cagando.

20090313

Santogold, "L.E.S Artistes"





20090305

¿Linkin Park? Veña ho, non fastidies...

Ano ´92. Algúns meses despois da virulenta revolta de Los Ángeles derivada do caso Rodney King, Rage Against the Machine irrumpen na escea musical cun dos discos máis combativos e innovadores de finas do século XX, misturando insólitamente o estilo vocal do rap coa contundencia do metal; por outra banda, Ice-T, entón archirecoñecido MC, cunha das máis sólidas carreiras discográficas do Hip-Hop, sae ó mercado con Body Count, unha banda que el describiría como de “speed metal” íntegramente formada por músicos negros, algo que incluso actualmente é difícil de atopar, e que tería unha enorme repercusión ademais de pola tremenda calidade do seu primeiro disco, grazas ó polemiquísimo tema "Cop Killer", inspirado precísamente nos sucesos citados ó comezo.

Ano ´93
. Sae ó mercado "Judgement Night", unha banda sonora absolutamente impresionante para unha película completamente anodina e mediocre protagonizada por Emilio Estévez e Cuba Gooding Jr. A calidade do disco estaba fundamentada na presencia de grupos tan recoñecidos (algúns anos despois máis que entón e viceversa, pero moi recoñecidos en calquera caso) do mundo do Rock e do Hip-Hop como Slayer, Run D.M.C, Faith no More ou House of Pain... pero a verdadeira audacia do disco consiste en que estes grupos pertencentes a aquelas dúas esferas musicais, non facían aparicións por separado, senon que se xuntaban entre si para misturar estilos e persoalidades, así, Cypress Hill facía unha canción con Pearl Jam e outra con Sonic Youth, Dinosaur JR con DelthaFunk, Ice-T e Slayer, Biohazard e Onyx... algo verdadeiramente insólito e de resultado espectacular. O misterio de como unha banda sonora de tal audacia e que xuntaba para a ocasión a xente tan talentosa e recoñecida ambientaba unha película tan mala, é algo que segue a acompañarme hoxe, pero o caso é que como disco, debería estar en calquera discoteca de quen guste destes estilos musicais, e aquí van uns exemplos:



O vídeo é malísimo, advírtoo, pero o resultado sonoro da xuntanza de dous trens de mercancías como Biohazard e Onyx é dunha contundencia impresionante; os modos aloucados ó micro de Fredro e compaña, encaixan como unha luva na base de riffs suxos e batería amplísima que os Biohazard lle fabrican.







En "Just Another Victim", Helmet e House of Pain sintetízanse por obra e gracia do turntablism de maneira prodixiosa. O "prodixio" acontece entre o min. 2 e o 2"30´. Encántame esta canción:




En "Disorder", Ice-T deixa entrever as súas cualidades vocais para o Hardcore, e faino xunto a Slayer... unha espectacular a-berra-ción.




Pearl Jam e Cypress Hill? pero esto que é!! pois si, aínda que hai que recoñecer que a man de Pearl Jam se nota pouco, cédenlle inspiración e atmósfera ó, naquel entón, dúo máis macabro e reputado do hip-hop. O resultado é brillante:




"Missing Link": a mellor do disco, nunca o rock puido ser máis hip-hopeiro e viceversa, e encima soar tan ben. Os mellores Dinosaur JR co por entón debutante Del the Funkyhomosapien (Delthafunk en Deltron 3030 depois, Del a secas, agora)




20090302

Tres días de merda!!

20090227

Beirut, "Nantes"





20090224

Oscars

Se ben os Oscars non son, nunha alta porcentaxe, a máis precisa vara de medir das artes cinematográficas, si é indiscutible a enorme trascendencia que suscita a súa celebración e por ende, a proxección mundial que os premiados recibirán, se ben, a maioría deles, certo é que non a necesitan para nada. Así, alégrome que unha desas horteras figuriñas caese, por segunda vez, nas mans de Sean Penn, un tipo que me parece un actorazo. Como tal, xa nos ten deixado interpretacións descomunais, tan ou máis merecedoras dun Oscar que en Mystic River (aínda non vin a de Harvey Milk). Véñenme á cabeza títulos como; “Pena de Morte”, “Xiro ó inferno”, “Hurlyburly”, “Acordes e desacordos“, “21 Gramos”... tamen é verdade que ten certa tendencia ó histrionismo que ás veces lle resta credibilidade ós seus personaxes, pero eu polo menos, perdóollo, xa que sempre consigue implicarme dunha maneira moi intensa con todo-los desafortunados, perdedores, desequilibrados e desesperados persoaxes que interpreta. Pero en Sean Penn hai outra faceta que o alonxa da órbita elitista e anodina do planeta Hollywood, e é esa implicación social e política que procura colleitar con coherencia, non só no momento de elexir papeis, senon tamen á hora de pronunciarse públicamente... por exemplo:



“Cando tes a alguén coma George Tenet (ex-director da C.I.A.) recoñecendo no seu libro que sabía que a Administración estaba enganando á poboación norteamericana para conducilos a unha situación que está asasinando a xoves homes e mulleres desta e outras nacións, entón, George Tenet e Dick Cheney e Condolezza Rice e George Bush, deberían estar todos no puto cárcere”



Este nacho cáeme ben, é un dos pouquiños representantes dunha verdadeira noción da esquerda en USA, e non se corta en expresalo... ó mellor podía facer máis, claro, pero xa é algo, e máis aló, no epicentro do imperio.

20090219

A noite menos pensada

Que eu escoito moita radio é algo ó que xa, medio en serio medio en broma, aludía noutra ocasión. Fágoo sobre todo á mañá e polas noites. Debido ó tarde que chego a casa, non adoito a acostarme antes da unha e media ou dúas da mañá, e teño por costume conciliá-lo sono cun pinjanillo adherido ó meu pavillón auditivo (case sempre remata por desprenderse claro, pero para entón xa estou dormido). A cuestión é que nesa franxa horaria tampouco hai moito onde elexir (enténdaseme, non hai moito onde elexir en xeral a todo-los niveis mediáticos, pero nesa franxa menos) pero curiosamente é nesa franxa, en concreto entre a unha e as tres da noite, cando se emitía o mellor programa radiofónico que eu teño escoitado ata o de agora: “La noche menos pensada
Emitíase en RNE e, nomes aparte, o feito é que constituía un dos poucos reductos adicados á reflexión crítica da actualidade política, científica e artística dende un punto de vista realmente profundo e aberto, algo do que non se pode gabá-lo entramado mediático xeralista, nin moito menos. Pois ben, cara ó mes de setembro pasado, da noite á mañá, e sen aparente explicación, “La noche menos pensada” desapareceu da parrilla de RNE para cederlle o oco a....”Afectos en la noche”.... Podería facer unha descrición máis precisa sobre o contido do programa pero dáme a impresión de que a través do nome xa vos faredes unha idea... por ser gráfico direi que é como estar lendo un libro de Clarice Lispector para ó pasar páxina atoparte cun texto de Corín Tellado... ou algo así... en fin, que eu sígoo escoitandoo porque o necesito para dormirme, senon éntrame o mono, e porque aínda que pareza incrible, o demais segue sendo pior, pero ás veces é que non podo evitar poñerme dunha mala hostia tremenda ó pensar no bombardeo de banalización co que están a someter ás nosas neuronas e por ende ás nosas capacidades e aspiracións. Por iso, encoméndovos a que, alo menos, lle botedes un vistazo a esta páxina, e que, aínda que non vaia moito con vós, se vos animades a firmar no manifesto que nela se expón sería xenial.

20090212

Francis Bacon

A primeira aproximación á figura de Francis Bacon tivena a través dunha recomendable película chamada “El amor es el demonio”, de John Maybury, protagonizada por un incriblemente asemellado co protagonista, Derek Jacobi, que fai unha interpretación fantástica e ó que o acompaña no papel de seu malogrado amante George Dyer un Daniel Craig “pre-Bond” moi correcto. A inmersión cinematográfica na figura do pintor non podía deparar outro resultado que o dunha película escura, axitada, violenta, chea de poesía e carente de calquer atisbo de esperanza existencial. Fiel pois, á persoalidade e á obra de Bacon.
O Sábado fixen outra aproximación, esta máis íntima, coa pintura deste home atormentado e xenial, grazas á retrospectiva que del está a facer o Museo do Prado, un deses sitios polos que esta cidade caótica e perversa que é Madrid aínda merece a pena. E non é que sexa un especial admirador da pintura clásica que acolle, xa que aínda que resulta dunha pasmosa factura técnica, tanto retrato e tanta escea bíblica, mítica ou histórica, cánsanme... sin embargo, dentro do antigo Prado tamen hai uns cantos recunchos que o deixan a un “fóra de lugar”... un deles é a “Sala das pinturas negras” de Goya. Todo o que podería falar deste lugar deixareino para outro post, pero a cita ven a conto da fascinación que Bacon sentía polo autor daquela célebre máxima: “o soño da razón produce monstros”. E dende logo, parecera que Francis seguira ó pé da letra esta impresión goyesca, i é que a súa obra resulta dunha abismal singradura polas augas da psique. A exposición quizás merecera unha posta en escea máis elaborada, menos convencional, con máis espacio e con máis información, pero tamen é certo que un sae dela sen esa sensación de sobrecarga sensorial que deixan outras, resulta unha dose de arte baconiana precisa, polo menos se un é un profano, ou case, na materia. Gustoume, a súa pintura posúe unha intensidade tremenda, formal e conceptualmente, que te excarva, te intimida e te cuestiona... A escuridade de Goya, a descomposición xeométrica de Picasso, a fascinación polo movemento do futurista Boccioni, pero a profundidade estética e a densidade psicolóxica dun talento único, Francis Bacon.






20090203

Inauguración

Benvid@s, agardo que vos resulte acolledor o novo espazo. Tiña pensado soltar un rollo metablogueiro, cos "cómos" e os "porqués" pero a verdade é que entre o malestar catarral típico destas datas e as gañas que teño de quitarme de enriba a mudanza pois case que vou pasar de facelo. Só puntualizar que as seccións "Escritos", "Hip-Hopteca" e "Manoel-Antonio" importeinas dende o vello blog porque quero que figuren completas... manías miñas... O da música é un capricho que sei que pode resultar molesto, se así fose apagádela no cacharriño de abaixo e listo. Máis nada, pasade e poñédevos cómod@s, coa vosa presencia "Estás a falarme a min" versión 2.0 queda oficialmente inaugurado.

20090129

Poema

Hoxe sorprendinme perdendo a cabeza,
vinme axigantado naquela carraxe xurásica e elemental,

derrubándome,

aniquilándome a través da exacerbazón de min mesmo,

como un Narciso imbécil,

golpexando a auga teimudamente, insistente,

convencidísimo, sen dilación.



Sorprendinme perdendo a cabeza,

(e a cabeza foi unha pedra maciza ateigada de nervaduras fósiles, dando voltas,

xirando sobre neve ata a avalancha)



e axigantado, enorme, energúmeno,



imbécil,



golpexei a auga teimudamente, insistente,

convencidísimo,

sen dilación,


aniquilándonos.



Poema

Paranoia.
A Veiga, Ourense, con catro ou cincos anos.





Viviamos naquela estrana casa enorme de pedra no cumio dun pequeno outeiro que chamaban “o Toural”, dende o que se divisaba a maior parte do pobo, e que no inverno descendiamos sobre a neve nun plástico que o meu pai mercaba para a ocasión. Na pranta de abaixo estaba a consulta do “practicante” e máis abaixo tiñamo-lo desván, cheiño de madeira (aquel maravilloso arume cálido a piñeiro) e papá dábame leña para quecé-la estufa. Arriba, a mamá pranchaba, mentres eu sentía denteira arrabuñando a parede por curiosidade. Aquel chan de madeira e o home que na televisión perdía a cabeza polo buraco do ascensor, algún berro que outro de vez en cando. E nun día gris e silencioso como o aburrimento, eu arañaba cos ollos os vidros dos ventanais, e
os rapaces comezaron a tirar pequenos croios;

ploc! plac! ploc!


-Mamá, queren pegarme!

-Por qué dis eso?, estanche a tirar pedras para que baixes ond´eles.



Cadáver político

A expresión gaña cada vez máis peso na xerga periodística. Quizais o mesmo peso que vai gañando a vacuidade na política (mediática) actual, e nas nosas vidas en xeral, a mesma vacuidade que ameaza a miña soitaria existencia e pola cal me convertín nun adicto á información, o cal converte este parágrafo e a min mesmo nunha pescadiña que se morde a cola. Sinto a necesidade de estar “informado” as 24 horas do día, tal é así que durmo conectado ó meu transistor portátil por vía auricular, ó xeito do paciente alimentado intravenósamente pola botelliña de suero. Esta sobreexposición informativa é algo que evidentemente tamen ten as súas consecuencias. É dicir, un, eu neste caso, infórmase para matá-lo tempo pero tamen para supostamente capacitarse nunha responsable construcción dun amplo criterio co que interactuar e analizar a realidade (si, esto é un deliberado exercicio de pedantería), sen embargo, cando un se expón ó contínuo e indiscriminado bombardeo informativo (entre a radio, a prensa, internet e a televisión) non lle queda tempo, xa non só para discriminá-la información, senón tamen para procesala, o cal me segue convertindo a min e a este outro parágrafo nunha pescadiña que se morde a cola. Pero ben, eu non tiña intención de falar de pescadiñas, quería falar da expresión cadáver político e da situación que se me ven o maxín sempre que a escoito: Cando o forense quixo comezá-la autopsia, deu cunha compricación insólita. Foille de todo imposible despoxar ó aínda cálido corpo do morto de dúas das súas prendas; unha garabata vermella de seda e unha americana azul ultramar. O tecido semellaba estar imbrincado coa pel do cadáver ata o punto de que cando desesperado, o doutor lle asestou un certeiro golpe de bisturí ó nó da garabata, un inexplicable chorro de sangue surxíu da zona seccionada, tinguindo de vermello en cuestión de segundos os lentes do estarrecido doutor e enchoupando a súa cara, os seus cabelos e o batín branco. Esta, ata fai pouco tempo, non era máis que unha evocación inconsciente que me facía moita gracia, pero o certo é que últimamente veño tendo pesadelos con cadáveres políticos que se erguen dunha mesa de autopsia, ou me saen ó paso durante un paseo polo campo, ou me examinan na cama coma se o cadáver fose eu, informes entes, coma buracos negros, ataviados con americanas e garabatas, que me acosan tralas portas da casa e nos descansiños da escaleira. É por isto que tomei a decisión de deixar de permanecer conectado á radio polas noites mediante os auriculares. Sen embargo, nestes momentos de crise económica planetaria, os servicios informativos fálanme de medidas de rescate de entidades bancarias, e nada acerca de replantexamentos políticos que focalicen o protagonismo na sociedade civil, e non podo deixar de pensar na política mundial coma un cadáver, no que todos sobrevivimos aislados por unha xigantesca americana e comprimidos, oprimidos e deprimidos, pola súa esganante garabata. Deixei de escribir, quiteime os auriculares e pedinlle a conta ó camareiro, este sinaloume ante a súa compañeira na caixa e ista preguntou -¿al del pañuelo?- e el respondeu -si, en las revistas de moda le llaman palestina-.

Poema

A tarde esvara polo teu lombo,


donda e silente, aberta en horizontes e

alaranxada,



é unha ola de luces sobre a túa pel.



As rúas,

inzadas de neves negras e mesaxes xordas,

inzadas de eco,

serpentexantes sobre a paz para devorala,



esta cidade feita de velocidade,



escorrega polo teu lombo ata desaparecer



mentres



nos teus ollos están a xogar

os peixiños do silencio.




5 vellos poemas

1.
a túa mirada crea contra a miña

un espacio invisible, indivisible,

que se mistura con TODO

coma o mar, amor



amar



o teu mirar é espellismo, suxestión para

alcanzarche o sal,

asaltarche o sangue,

amar, amor



mar





2.

rodan os días coma dados

as horas rodan coma ondas

ata a súa derrota de escuma



e roda a memoria

ata atoparte,

núa,

oásis





3.

redobraba a pedra o teu nome



o silencio preferido

a ferida silenciosa



eras sombras de ti, lendas de ti,

miragres breves

que me deixaches, que me inventei





4.

o teu silencio contra a miña carne,

a túa espiral de luz asulagándome



foron estandartes ante o olvido,

e carne de cañón para a memoria





5.

a tarde

agrisada de lonxanías,

árbores frías,

case liñas rectas ciceladas no silencio



e este banco é o centro do mundo,

o peirao para a túa néboa




Poema

Polo frío chegoume o teu frío,

e axexando pola fiestra

achegábaste ao lonxe.



Abrinlle as portas ó frío

e atopeite nun silenzo,

relocendo como no lombo do mar

e

respirándome.



E alí estou apalpándote,

adentro,

enfriándome.



É un misterio,

coma ti comigo

e o silenzo que nos envolve,



pero así e todo,

síntote preto



ao lonxe.



Poema

O poeta de ollos derrotados en corvos


(este destensado pulso)



que descose a cara na psicose das horas e se adorna o cerebro

con copas de morte,



e percorrendo tanta ausencia no idioma segredo das cunchas



amence no xesto engurrado.



Manoel, vente co teu saco de gaivotas,

co teu ollo de mar, co teu verso ennortado

a reverdecé-la Rosa dos Ventos,



porque a paz está no poema,

todo o demais é loita.



Canción poemada



O habitante


anónimo animal inevitablemente

ferido,

sangrando silencio,



imperturbable,



quizais un pouco,



cando fronte os espellos
trata de recoñecerse.




Poema

Cando os dados da madrugada remataron de rodar
tres corvos sobre un aramado de cristal



e as borras da paz no vaso vacío da noite



eras unha flor de néboa nos camiños do sol

núa

fuches o altar de sangue para os cálices do frenesí

e o esquecemento das derrotas



adórnate cos colares da lúa

e dancemos embriagados sobre as cinsas do sol



exaculemos a desidia

morramos en paz no colo da caricia



Poema

Aquí, agora, son a ausencia de min mesmo,
deshabitada mente,
habitación de crebadizos espellos.
Adorno a miña nada; esta rosa branca
que se desprega no meu cerebro

ata borrarme da vida ou da súa luz.



Na noite voltaron as bestas

do frío,

as estatuas da vontade desfanse en pó

nun revés

de aire,

nesta noite de metal

texen os seus caleidoscopios

as arañas da memoria.




Poema

Aquí, agora, son a ausencia de min mesmo,
deshabitada mente,
habitación de crebadizos espellos.
Adorno a miña nada; esta rosa branca
que se desprega no meu cerebro

ata borrarme da vida ou da súa luz.



Na noite voltaron as bestas

do frío,

as estatuas da vontade desfanse en pó

nun revés

de aire,

nesta noite de metal

texen os seus caleidoscopios

as arañas da memoria.




Poema

A nenez morre no presentimento da vacuidade
je suis de mon coeur le vampire*



(aqueles

ollos de neno ou delicadas semprevivas sen tempo

a mirada-mundo)


*"son o vampiro do meu corazón", Charles Baudelaire, de "L'héautontimorouménos" en Les Fleurs du mal.



Poema

Eles, os jockeys da morte,
van en rostro de neón,

son a pantasmagoría secular,

por avenidas resplandecentes non creron na terra prometida

e sucumbiron ante os anagramas da ilusión.



Poderían ser ou non ser,

de momento, os que están son,

cada día a contrarreloxo para o

pequeno mar na súa vea de vidro.



Eles, os jockeys da desolación,

na lentísima lágrima da cicatriz a pecharse

por nunca xamais.




Post-adolescencia

Estás sentado no chan, contra a parede, a botella na man a modo de oasis, obcecoute o remuíño de naipes que se formou en calquer recanto do silencio, Kurt non te escoita, a próxima chamada telefónica soará coma un estoupido de horas perdidas, xa tes idade para o traballo decente, a muller, os dous fillos, o coche, a televisión, os domingos de fútbol no bar… Levántaste, tira-la botella contra o espello, chove vidro, decides que non esperarás a que o voitre de Kafka che arrinque os ollos, recordas os bicos de Aira, rompes a chorar, perdíchelo todo, quédanche os teus cadros, a túa pintura, cóase o deserto pola fiestra, colle-lo pincel e mai-la paleta, carga-lo pincel con ocre e espétalo contra da terrible, noxenta, inxénua, vacía pureza da branca tela sen estrear do óleo, desespéraste, unta-lo pincel na enérxica forza do roxo, probas, non che gusta, falta algo, faltas ti, agora sabes o que faltaba nos teus cadros, pos o lenzo no chan, colles un dos anacos do espello, está ben aguzado, féndelo a altura do pulso, rasgas, a carne abríuse mol, case semellaba ter gañas de abrirse, de transpirar, borbollóns de sangue, deixas que se verca sobre o lenzo, deitaste á beira do teu derradeiro cadro e observas como se remata el só…
16 de Maio de 1999

Ourense

Abala o sol. As laranxas escachadas
e o seu zume desparramado

perdéndose rúa embaixo,

cara ás Burgas.



Remato un par de cervexas, e

os derradeiros lampexos da tarde

atravesan os vidros das botellas

para cristalizaren, tomaren forma,

pois todo aspira teimudamente

á súa concrección inapelable

na intranscendencia da eternidade.



Namentres, escoito a Nick Cave;

a súa voz cavernosa e neboenta,

afiándome a memoria,

afiando as esquinas destas rúas

vertebradas na xoldra da adolescencia

e na perfección da morte.



O néctar este das cervexas,

sangue embaixo diluíndose,

cara a melancolía.

Febreiro, Praza Maior, Madrid

Radiohead.
As sombras despuntan espléndidas

entre a luz do mediodía,

arremuíñanse nesta praza,

liberadas.



Pásanseme centos de ideas pola cabeza,

pero non consigo atrapar ningunha,

fixalas e buscarlle-las sombras

resúltame árduo,

volto entón a recordar os diarios de Kafka.



A voz agudísima de Thom Yorke

encarna o silencio máis puro, no que nada abrolla,

igual que o famoso “Berro” de Münch,

porque a anguria é inaprensible,

inapelable.

Círculo de Belas Artes

A cafetería está situada nun amplo salón de planta rectangular ó que se accede a través dunhas breves escaleiras, as cales rematan nun gran portón de madeira adornado con fermosas vidreiras. O primeiro que ves ó entrar é unha gran estatua de mármore que representa unha figura feminina deitada sobre unha rocha, nunha actitude entre xacente e queixosa (unha actitude orgásmica a fin de contas)... Ela é o centro de gravidade da estancia, sobre ela, un enorme mural adorna o teito, no que o deus Plutón se abre camiño no seu carro entre dous mundos: un poboado por seres alados, o outro, por criaturas deformes e queixosas, o que inevitablemente nos evoca as míticas dualidades: paraíso/inferno, ben e mal… As cores deste mural están moi luídas debido ó paso do tempo, e o mesmo, ten unha forma ovalada e está adornado cun doble marco de escaiola de formas vexetais. Das catro esquinas imaxinarias deste óvalo surxen catro grosas cadeas, que se encargan de que unha impoñente lámpada, composta por centos de pequenas e brilantes peciñas de cristal, e de forma asimentes ovalada, saia airosa da súa loita contra a gravidade. Ó redor da anteriormente citada estatua, e sobre solos de parquet, ordénanse mesas e cadeiras de madeira escura e de deseño severamente sobrio e rectilíneo, sobre as que, xente de todo tipo; vellas viúvas enxoiadas, intelectuáis de “novo cuño” (coma as moedas), xoves modernos posíblemente actores, ou artistas, ou estudiantes de belas artes, en fin, xente de todo tipo, asenta os seus pareceres. Esta paisaxe de ángulos rectos e "bustos parlantes", está inundada polo mar de luz que a través dos enormes ventanais que dan á rúa Alcalá irrumpe na estancia, mentres o exterior, a elegante rúa Alcalá, o seu axetreo de peatóns e de automóviles, as luces destes, que veñen e van reflexadas sobre humidade deste chuvioso día outonal, reprodúcese ó outro lado do enorme ventanal tra-lo que me sento, coma un filme mudo proxectado nunha pantalla cinematográfica; ó mesmo tempo, ó meu carón, un aparato climatizador despide aire quente emitindo un molesto ruído sorprendentemente similar ó traqueteo dun tren; inevitablemente acoden á miña memoria moreas de momentos vividos no interior desa máquina ó longo destes anos e das miñas frecuentes idas e voltas, pero sobre todo acode a min, coma un lóstrego, a por un instante esquecida certeza de que son un estraño aquí, de que deixei unha vida a centos de kilómetros, e de que sego a ser un melancólico...

Barbieri

O Café Barbieri é unha cafetería á antiga usanza; de tertulias literarias, poesía, soitarios, seduccións furtivas e proclamas políticas. Fai esquina nunha desas intrigantes bocarúas que dan á buliciosa Praza de Lavapiés. É un local antigo, case sen restaurar, que conserva a maior parte do seu mobiliario e ornamentación orixinais, coas erosións que o tempo infrinxíu sobre as mesmas. Chan de baldosas brancas e negras, febles cadeiras de madeira, mesas de ferro negro e mármore pálido, asentos forrados de tela vermella, paredes espelladas... unha música de piano, delicadísima, planea sobre o local, fai piruetas no aire, co aire, modela o silencio, a miña soedade, esta calma. O que lle confire unha atmósfera máis especial a este lugar son os espellos. Rodean toda a sala e, debido, supoño, á súa antigüedade, están como borrosos, é como se tiveran sobre si un bafo perenne, unha estrana néboa que surxe no vidro e se apodera da estancia. As mesas, as xentes, a música incluso, refléxanse débilmente nesta néboa, e este reflexo é como unha metáfora do tempo que pasa, da realidade deste momento que se difumina mentres escribo, do seu descorrer, da fraxilidade de todo, da inconsistencia de todo...

Gravediggaz

..."means digging graves of the mentally dead, and it stood for resurrecting the mentally dead from their state of unawareness and ignorance."... ("significa cavar tumbas para os falecidos mentais, e isto conleva resucitar a istes falecidos mentais dende o seu estado de despreocupación e ignorancia"). Frukwan alias The Gatekeeper, danos a clave para abrí-la porta do seu discurso, e, cando dí que os “enterradores” (Gravediggaz) no fondo están desenterrando, non pode ser máis revelador con respecto ás claves que un se atopa cando se detén a escoitar Niggamortis, o primeiro disco deste cuarteto impresionante formado por: Prince Paul alias The Undertaker ós aparatos (membro fundador de Stetsasonic e eminente productor), Too Poetic alias The Grym Reaper (o meu preferido, rapeaba coma se delirase, morrería anos despois víctima dun cancro de colon), The Rza alias The Rzarector (MC, Dj e productor decisivo para o Hip-Hop dos noventa, alma mater de Wu-Tang Clan) e o citado Frukwan. Ise paradoxo é a perfecta descrición do humor negro, negrísimo, que procura a lírica do disco, disco que daría pé á inauguración do “horrorcore” dentro do xénero do Hip-Hop. Humor negro negrísimo, porque por momentos non hai ningún rastro de bó humor, máis ó contrario, a dialéctica sarcástica dos M.C´s constrúese coa realidade máis brutal e a autocrítica radical, e nese proceso lírico, ás referencias a estados mentais alterados, realidades físicas precarias, e referencias fílmicas do xénero do terror, engádense explícitas vindicacións da Nation of Islam e da súa actual cabeza visible, o extremista Louis Farrakah, así como do grupo Five-Percent Nation, sector fundado por Clarence 13X e escindido do anterior. A intención era clara, como a cita de Frukwan indicaba: espertar á xuventude negra do seu pesadelo fratricida a través da toma de conciencia grupal. Non sei a cantas mentes captaron con este discurso, pero o certo é que, paralelamente, e falando xa en termos estrictamente musicais, Prince Paul deixaría para a posteridade unha producción extraordinaria; 17 cortes repletos de funk, graves tochos, samples sinistros e cadencias mortuorias, cun par de himnos post-apocaípticos coma “1-800 Suicide” e “Bang your head” que mamei dende os dezasete anos ata o de agora e dos que non me canso.......así quedei......jejeeeejeeejeejeejeeeeejeje!!!!!


Nowhere to run, nowhere to hide (atención á fin)


Diary of a mad man (con Killah Priest, e Scientific Shabazz)


1-800 Suicide


20090127

Pete Rock & CL Smooth

Se tivese que escoller o mellor disco da historia do Hip Hop, está claro que un dos candidatos con maiores opcións ó título, sería o maravilloso The Main Ingredient, de Pete Rock & CL Smooth. Lévoo escoitando dende o ano 96 cando o merquei, e sendo un disco do 94, xa entón, me parecía que soaba innovador. Pero tendo en conta que o Hip Hop é un xénero moi xove xurdido de cheo no apoxeo da electrónica, e que, ó igual que esta, experimentou unha evolución frenética, na que, o que era innovador un ano estaba desfasado ó pouco tempo, aínda me sorprende máis escoitalo cada vez que o recupero da discoteca (que é cada pouco) para abraiarme diante da atemporalidade que atesoura, tan característica das obras mestras. Este dúo neoiorquino de exigua duración discográfica (este sería o seu segundo e derradeiro disco, despois doutra xoia como "Mecca and the Soul Brother", do 92) acada nesta obra unha simbiose armónica impresionante que nada faría presaxiar as desavenencias que entre os membros surxiran e que rematarían por desfacé-lo grupo tra-la saída do disco. Pete Rock, un dos dj´s e productores de hiphop máis aclamados e solicitados dende entón, define unhas preciosistas bases sonoras fundamentadas en sampleos de xoias do jazz e do soul ("In the Flesh", "All the places", "Sun won´t come out") para as que crea liñas de baixo dunha elegancia extrema e boombap´s paradigmáticos e, ás que acaba por adornar delicadamente, cunha plástica e altamente efectiva técnica ó scratch ("Carmel City", e "I got a love" e "Tell me", son exemplos mestres neste aspecto). Sobre esta base, a suave (smooth) cadencia da voz e do fraseo de C.L., o seu fluxo lírico tenue e de engranaxe preciso, encaixa coma unha luva. Se a este aspecto lle angadimos a coidadísima lírica coa que o MC se reivindica, da inhabitual fondura poética que lle aporta ó xénero, pódese falar deste disco como un referente fundamental, necesario, e delicioso.


O dito, velaquí un exemplo:



N.W.A

Na hiphop-teca de hoxe, e á luz dos vergoñantes acontecementos policiais desvelados en Coslada, non podo atopar ocasión máis oportuna para referirme ó grupo de hip-hop (e non só do hip-hop) máis polémico da historia, N.W.A ("Niggaz with attitude", algo así como "Negros encabronados") Eles destaparon a caixa dos tronos, foron os primeiros en denunciá-los abusos policiais (e maldecilos; Fuck the Police) ós que viñan sendo sometidos nos ghettos da gran cidade (ou polo menos os primeiros en facelo con tal contundencia), neste caso, en Comptom, Os Ánxeles, por parte dunha policía tan neglixente como corrupta. Pero non só falaban de abusos policiais, falaban de todo un sistema de vida amparado na ilegalidade e os seus violentos mecanismos, que á súa vez estaba inducido por unha abafante carencia de perspectivas e de medios sociais e educativos; e facíano coa máis obscena espontaneidade, sen ningún tipo de cortapisas morais ou estéticas, algo nunca visto anteriormente nas TV Screens da xuventude norteamericana, o cal lles mereceu todo tipo de polémicas e censuras. O caso é que esa realidade estaba ahí, debaixo da alfombra, pero estaba ahí, e con N.W.A tomaba posición na mesiña do salón de estar. A partires deles, o negocio do rap comezaría a tomar corpo coma eso, negocio, no detrimento dunha concepción máis cultural e de movemento comunitario. Con eles nacería a "new school", pero tamen, o "gangsta rap", con eles chegaría o "bling bling" e o "girls, drugs´n´guns", eles acabarían por exculpar ó capitalismo salvaxe das súas propias miserias para renderse a el e exprimilo todo o posible sen importarlles exprimirse a si mesmos, e así tamen chegaría a alerta ante o "black on black crime" (unha expresión para definir a autodestrucción na que a comunidade afroamericana caera presa) que xente coma Public Enemy combatirían activamente.… Sen embargo, hai algo que atenúa a súa culpabilidade, e é que eles foron os primeiros en rapeá-la vida puta do ghetto non coma un medio, senon coma un fin en si mesmo, eran eles e era a súa vida, e punto. Mención aparte habería que adicarlle a cada un dos seus membros, i é que N.W.A era algo así coma un All Star Team da N.B.A. Pero quedareime cos tres nomes máis importantes, a saber; Ice Cube, Eazy-E e Dr. Dre. E non vou dicir máis, a calquera de vós que lle dé por iniciar unha búsqueda en Google con calquera destes nomes atopará que non sabe por onde comezar, a min pásame o mesmo. Auténticos. Keepin´ it real.

Straight outta Comptom



Express yourself


20090126

Gza

"[…] Como artista tes unha voz, ó igual que un político. Tes unha voz e a xente escóitate. E como músico que ten centos de miles de fans, deberías ter algo que contar, algo que alumee ou lle dé poder a outros. […] Así que se non das nada, se te pasa-la vida rimando sobre zapatillas, cadenas, coches… recibes, porque gañas diñeiro, pero non ofreces nada. E iso tamen amosa a limitación da túa metalidade. É importante coñecer determinadas cousas, estar educado en determinadas materias… Incluso aprender unha palabra cada día. Eu fai anos que o fago, e iso é algo que axuda.[…]
[…]¡Que volte a orixinalidade! Todo é demasiado igual… ¡Deixade de copiar! Non me importa qué coche conduces, non me importan as túas llantas…. ¡Non me importa! […] (GZA pon unha voz ridícula e canta) “Estou no meu Bentley, co meu navegador, podesme atopar na sala VIP, pago unha barra libre… ¿A quén lle importa?. Para min é cursi. Agora a xente di, “GZA é un hater, é un rapeiro old school…”. Pero o que si sei é que en concerto rapeo tódo-los temas de Liquid Swords e vexo a 2.000 rapaces de 15 anos (el ten 41) cantando cada palabra. Gustariame ver a calquera desos artistas do feixe que agora riman sobre cadeas e coches ser capaces de facer iso. Nen sequera 50Cent será capaz. Dentro de dez anos, non será capaz de tocar Get Rich or Dye Crying fronte a rapaces de 12 anos que coñezan os seus discos. De ningunha maneira. Iso non vai pasar.[…] […] Cando escoito rap agora , moito do que poñen agora na radio ou na televisión, é como ”gugú-tatà”, como se escoitaras falar a un bebé. É tan predecible. […] Estabamos tan adiantados á nosa época que ata podo ver a onde queren chegar os novos rapeiros. Así que, ¡¡traede de volta a orixinalidade!![…]


Sobre a política dos Estados Unidos


[…] Penso que esta carreira electoral é un espectáculo e non importa realmente quén a gañe, porque vai sé-la mesma cousa a non ser que nós, como pobo, xeneremos un cambio, poñamos os pés no chan e digamos: “Non estamos dispostos a isto”. E ata entón todo será igual. Non importa, porqué, como escoitei fai tempo, é que non se trata de a quén “eleximos”, senon de a quén “seleccionan” eles… Penso que as eleccións axudan nas comunidades pequenas, pero cando falamos de eleccións presidenciais, está apañado. Aliméntannos con mentiras e drogas cada día. Cada día hai unha nova droga na televisión, cos seus efectos secundarios. É como cando ós nenos lles dás un caramelo. Drogas, azúcar… Comida, drogas… ¿Quén se pode fiar deles?"
(Extracto da entrevista a GZA recollida no número 21 da revista SERIE B)


Jeru the Damaja



MC neoiorquino, o seu disco The sun rises in the East deixou pegada para a posterior xeración de hip-hopeiros independentes, i é que nas súas rimas, ademais da procura estética e competitiva indisoluble na arte do rap, hai sempre un reclamo ético. Desmárcase radicalmente da corrente máis comercial do movemento ,o gangsta rap ("rap de pandilleiro") que a finais dos oitenta comezou a facerse forte e que, no lugar de denunciar a dura existencia á que a comunidade afroamericana se vía avocada nos ghettos da megacity, apoloxizaba (e apoloxiza, 50Cent é un exemplo) a vida do diñeiro rápido, as armas, as drogas e o "quítate ti para porme eu". A Jeru The Damaja isto revélaselle como algo absolútamente contraproducente para o desarrollo positivo da súa comunidade e chega a conclusión de que o valor máis importante para evitalo é a promoción da educación e máis da cultura; así, nesta canción, Can´t stop the prophet ("Non poden deter ó Profeta"), vai na busca de "Mr Ignorance" para darlle cumprido escarmento, pero no seu camiño teráseas que ver cos seus secuaces, a saber: Envexa, Codicia, Odio, Cólera, Rencor, Desesperación, e Engano... REEEESPECT!!

House of Pain

Duraron tres discos. Logo, a Everlast, o MC do grupo, deulle un ataque ó corazón e a partir de entón comezou unha discreta carreira en soedade como... cantautor... unha pena, porque House of Pain era un grupazo. Este "Jump Around" pogueeino (boteino, baileino) centos de veces, a última, e non sen sorpresa e certa melancolía, despois de varios anos, aquí en Madrid, sen vir ó caso, nunha sesión de electrónica no club Low.

Das Efx



No seu discurso non hai discurso. De onde eles proceden non hai marxe para a dialéctica, só para a supervivencia co maior grao de dignidade posible, e para elo, algo fundamental é adquirí-lo respecto dos demais nun medio tan hostil como as súas rimas. Eles son Das Efx, un dos grupos máis salientables da chamada New School (termo que se emprega para denominar un novo ciclo no Hip-Hop que se establecería dende finais da década dos oitenta ata ben entrado-los noventa, o ciclo precedente pasará a denominarse Old School, e abarca dende as orixes do xénero, aló por mediado-los setenta) e este tema pertence ó seu segundo disco chamado non por casualidade Straight Up Sewaside. "Sewaside" significa alcantarilla, pero a súa pronuncia é similar a "Suicide" (suicidio), o cal converte o título do disco nun xenial xogo de palabras para definir á perfección o tipo de existencia na que os MC´s están inmersos.

El-P



Rapear como El-P non é sinxelo, pero é máis complicado escribir coma el, e retratar con máis inxenio e fondura poética os desequilibrios dunha sociedade á que nos aproximamos cada vez máis.
"I'm a Caveman
Your modern ways frighten and confuse me

I watch your spirit box with the blinking lights and think

Are those little people trapped in that box? (No, Caveman)"

Aesop Rock



Gran MC, cun fluxo lírico (flow) técnico e persoalísimo, textos moi currados e conciencia crítica. É, xunto a El-P, a cabeza máis visible dese irreductible colectivo que é Def Jux, e acaba de sacar disco, "None shall pass", do que aquí postexo o vídeoclip do seu single homónimo... encántame, e téñolle que adicar máis tempo a letra da canción porque este tío é complicado, pero cada vez que vexo o vídeo, vénseme á cabeza a palabra ALIENACIÓN.

20090125

Manoel-Antonio

Hai uns cantos anos, nove ou dez, rebuscando entre os volumes da biblioteca dos meus pais, din cunha edición do ano 1972 da Editorial Galaxia, prologada maravillosamente por Domingo García-Sabell e ilustrada con algunhas fotografías ben curiosas, que recollía a totalidade da creación poética de Manoel-Antonio: "POESIAS".
Pasei centos de horas "sumerso" nos versos do poeta fascinado pola súa singularidade; os suxerentes xogos tipográficos, a complexidade do seu vocabulario, o cosmopolitismo, o seu nihilismo tan retranqueiro, as fermosísimas impresións telúricas e, por suposto, o seu inesgotable repertorio de recursos poéticos.
Non lin ata o de agora un poeta galego que me cautivara de tal xeito e poucos alleos ás nosas letras o fixeron de tal maneira. É por isto que decidín facerlle a miña particular homenaxe a este mestre da nosa literatura inaugurando unha nova sección no blog adicada a el, na que irei postexando aqueles poemas seus que máis me emocionan.

Con anacos dó meu interior

Liridade noitámbula

Xa vai chegar o qué...?

¿Quén dixo que o nihilismo era pesimista? Se algo nos pode causar ós humans maior desacougo iso é a nosa condición mortal, desacougo que ó longo da historia ten sido aproveitado polo "Poder" en tódalas súas versións; o relixioso ("pecado mortal"), o político ("pena de morte") e agora máis que ningún outro, o empresarial ("¡eterna e maleable xuventude!"), para manter sometida a nosa vontade. Polo tanto, a aceptación da nosa débil natureza e dunha visión non determinista da existencia, son actitudes claves para unha ampla formulación da idea de liberdade e dende logo para a súa levada á práctica, aforrarmos enerxías en mellorá-lo noso "destino" permitiranos empregar novas forzas para disfrutar o presente e modificalo, aquí e agora. Neste poema, o noso poeta acepta a súa inevitable fin con entusiasmo, non a lamenta, tampouco a agarda dende a frialdade, senon que procura o seu encontro na intensidade do presente e tamen con certa retranca.

D´o xornadario d´un estudante