20090129

Post-adolescencia

Estás sentado no chan, contra a parede, a botella na man a modo de oasis, obcecoute o remuíño de naipes que se formou en calquer recanto do silencio, Kurt non te escoita, a próxima chamada telefónica soará coma un estoupido de horas perdidas, xa tes idade para o traballo decente, a muller, os dous fillos, o coche, a televisión, os domingos de fútbol no bar… Levántaste, tira-la botella contra o espello, chove vidro, decides que non esperarás a que o voitre de Kafka che arrinque os ollos, recordas os bicos de Aira, rompes a chorar, perdíchelo todo, quédanche os teus cadros, a túa pintura, cóase o deserto pola fiestra, colle-lo pincel e mai-la paleta, carga-lo pincel con ocre e espétalo contra da terrible, noxenta, inxénua, vacía pureza da branca tela sen estrear do óleo, desespéraste, unta-lo pincel na enérxica forza do roxo, probas, non che gusta, falta algo, faltas ti, agora sabes o que faltaba nos teus cadros, pos o lenzo no chan, colles un dos anacos do espello, está ben aguzado, féndelo a altura do pulso, rasgas, a carne abríuse mol, case semellaba ter gañas de abrirse, de transpirar, borbollóns de sangue, deixas que se verca sobre o lenzo, deitaste á beira do teu derradeiro cadro e observas como se remata el só…
16 de Maio de 1999

No hay comentarios: