A expresión gaña cada vez máis peso na xerga periodística.
Quizais o mesmo peso que vai gañando a vacuidade na política (mediática) actual, e nas nosas vidas en xeral, a mesma vacuidade que ameaza a miña soitaria existencia e pola cal me convertín nun adicto á información, o cal converte este parágrafo e a min mesmo nunha pescadiña que se morde a cola.
Sinto a necesidade de estar “informado” as 24 horas do día, tal é así que durmo conectado ó meu transistor portátil por vía auricular, ó xeito do paciente alimentado intravenósamente pola botelliña de suero.
Esta sobreexposición informativa é algo que evidentemente tamen ten as súas consecuencias. É dicir, un, eu neste caso, infórmase para matá-lo tempo pero tamen para supostamente capacitarse nunha responsable construcción dun amplo criterio co que interactuar e analizar a realidade (si, esto é un deliberado exercicio de pedantería), sen embargo, cando un se expón ó contínuo e indiscriminado bombardeo informativo (entre a radio, a prensa, internet e a televisión) non lle queda tempo, xa non só para discriminá-la información, senón tamen para procesala, o cal me segue convertindo a min e a este outro parágrafo nunha pescadiña que se morde a cola.
Pero ben, eu non tiña intención de falar de pescadiñas, quería falar da expresión cadáver político e da situación que se me ven o maxín sempre que a escoito:
Cando o forense quixo comezá-la autopsia, deu cunha compricación insólita. Foille de todo imposible despoxar ó aínda cálido corpo do morto de dúas das súas prendas; unha garabata vermella de seda e unha americana azul ultramar. O tecido semellaba estar imbrincado coa pel do cadáver ata o punto de que cando desesperado, o doutor lle asestou un certeiro golpe de bisturí ó nó da garabata, un inexplicable chorro de sangue surxíu da zona seccionada, tinguindo de vermello en cuestión de segundos os lentes do estarrecido doutor e enchoupando a súa cara, os seus cabelos e o batín branco.
Esta, ata fai pouco tempo, non era máis que unha evocación inconsciente que me facía moita gracia, pero o certo é que últimamente veño tendo pesadelos con cadáveres políticos que se erguen dunha mesa de autopsia, ou me saen ó paso durante un paseo polo campo, ou me examinan na cama coma se o cadáver fose eu, informes entes, coma buracos negros, ataviados con americanas e garabatas, que me acosan tralas portas da casa e nos descansiños da escaleira.
É por isto que tomei a decisión de deixar de permanecer conectado á radio polas noites mediante os auriculares. Sen embargo, nestes momentos de crise económica planetaria, os servicios informativos fálanme de medidas de rescate de entidades bancarias, e nada acerca de replantexamentos políticos que focalicen o protagonismo na sociedade civil, e non podo deixar de pensar na política mundial coma un cadáver, no que todos sobrevivimos aislados por unha xigantesca americana e comprimidos, oprimidos e deprimidos, pola súa esganante garabata.
Deixei de escribir, quiteime os auriculares e pedinlle a conta ó camareiro, este sinaloume ante a súa compañeira na caixa e ista preguntou -¿al del pañuelo?- e el respondeu -si, en las revistas de moda le llaman palestina-.
20090129
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario