20090227

Beirut, "Nantes"





20090224

Oscars

Se ben os Oscars non son, nunha alta porcentaxe, a máis precisa vara de medir das artes cinematográficas, si é indiscutible a enorme trascendencia que suscita a súa celebración e por ende, a proxección mundial que os premiados recibirán, se ben, a maioría deles, certo é que non a necesitan para nada. Así, alégrome que unha desas horteras figuriñas caese, por segunda vez, nas mans de Sean Penn, un tipo que me parece un actorazo. Como tal, xa nos ten deixado interpretacións descomunais, tan ou máis merecedoras dun Oscar que en Mystic River (aínda non vin a de Harvey Milk). Véñenme á cabeza títulos como; “Pena de Morte”, “Xiro ó inferno”, “Hurlyburly”, “Acordes e desacordos“, “21 Gramos”... tamen é verdade que ten certa tendencia ó histrionismo que ás veces lle resta credibilidade ós seus personaxes, pero eu polo menos, perdóollo, xa que sempre consigue implicarme dunha maneira moi intensa con todo-los desafortunados, perdedores, desequilibrados e desesperados persoaxes que interpreta. Pero en Sean Penn hai outra faceta que o alonxa da órbita elitista e anodina do planeta Hollywood, e é esa implicación social e política que procura colleitar con coherencia, non só no momento de elexir papeis, senon tamen á hora de pronunciarse públicamente... por exemplo:



“Cando tes a alguén coma George Tenet (ex-director da C.I.A.) recoñecendo no seu libro que sabía que a Administración estaba enganando á poboación norteamericana para conducilos a unha situación que está asasinando a xoves homes e mulleres desta e outras nacións, entón, George Tenet e Dick Cheney e Condolezza Rice e George Bush, deberían estar todos no puto cárcere”



Este nacho cáeme ben, é un dos pouquiños representantes dunha verdadeira noción da esquerda en USA, e non se corta en expresalo... ó mellor podía facer máis, claro, pero xa é algo, e máis aló, no epicentro do imperio.

20090219

A noite menos pensada

Que eu escoito moita radio é algo ó que xa, medio en serio medio en broma, aludía noutra ocasión. Fágoo sobre todo á mañá e polas noites. Debido ó tarde que chego a casa, non adoito a acostarme antes da unha e media ou dúas da mañá, e teño por costume conciliá-lo sono cun pinjanillo adherido ó meu pavillón auditivo (case sempre remata por desprenderse claro, pero para entón xa estou dormido). A cuestión é que nesa franxa horaria tampouco hai moito onde elexir (enténdaseme, non hai moito onde elexir en xeral a todo-los niveis mediáticos, pero nesa franxa menos) pero curiosamente é nesa franxa, en concreto entre a unha e as tres da noite, cando se emitía o mellor programa radiofónico que eu teño escoitado ata o de agora: “La noche menos pensada
Emitíase en RNE e, nomes aparte, o feito é que constituía un dos poucos reductos adicados á reflexión crítica da actualidade política, científica e artística dende un punto de vista realmente profundo e aberto, algo do que non se pode gabá-lo entramado mediático xeralista, nin moito menos. Pois ben, cara ó mes de setembro pasado, da noite á mañá, e sen aparente explicación, “La noche menos pensada” desapareceu da parrilla de RNE para cederlle o oco a....”Afectos en la noche”.... Podería facer unha descrición máis precisa sobre o contido do programa pero dáme a impresión de que a través do nome xa vos faredes unha idea... por ser gráfico direi que é como estar lendo un libro de Clarice Lispector para ó pasar páxina atoparte cun texto de Corín Tellado... ou algo así... en fin, que eu sígoo escoitandoo porque o necesito para dormirme, senon éntrame o mono, e porque aínda que pareza incrible, o demais segue sendo pior, pero ás veces é que non podo evitar poñerme dunha mala hostia tremenda ó pensar no bombardeo de banalización co que están a someter ás nosas neuronas e por ende ás nosas capacidades e aspiracións. Por iso, encoméndovos a que, alo menos, lle botedes un vistazo a esta páxina, e que, aínda que non vaia moito con vós, se vos animades a firmar no manifesto que nela se expón sería xenial.

20090212

Francis Bacon

A primeira aproximación á figura de Francis Bacon tivena a través dunha recomendable película chamada “El amor es el demonio”, de John Maybury, protagonizada por un incriblemente asemellado co protagonista, Derek Jacobi, que fai unha interpretación fantástica e ó que o acompaña no papel de seu malogrado amante George Dyer un Daniel Craig “pre-Bond” moi correcto. A inmersión cinematográfica na figura do pintor non podía deparar outro resultado que o dunha película escura, axitada, violenta, chea de poesía e carente de calquer atisbo de esperanza existencial. Fiel pois, á persoalidade e á obra de Bacon.
O Sábado fixen outra aproximación, esta máis íntima, coa pintura deste home atormentado e xenial, grazas á retrospectiva que del está a facer o Museo do Prado, un deses sitios polos que esta cidade caótica e perversa que é Madrid aínda merece a pena. E non é que sexa un especial admirador da pintura clásica que acolle, xa que aínda que resulta dunha pasmosa factura técnica, tanto retrato e tanta escea bíblica, mítica ou histórica, cánsanme... sin embargo, dentro do antigo Prado tamen hai uns cantos recunchos que o deixan a un “fóra de lugar”... un deles é a “Sala das pinturas negras” de Goya. Todo o que podería falar deste lugar deixareino para outro post, pero a cita ven a conto da fascinación que Bacon sentía polo autor daquela célebre máxima: “o soño da razón produce monstros”. E dende logo, parecera que Francis seguira ó pé da letra esta impresión goyesca, i é que a súa obra resulta dunha abismal singradura polas augas da psique. A exposición quizás merecera unha posta en escea máis elaborada, menos convencional, con máis espacio e con máis información, pero tamen é certo que un sae dela sen esa sensación de sobrecarga sensorial que deixan outras, resulta unha dose de arte baconiana precisa, polo menos se un é un profano, ou case, na materia. Gustoume, a súa pintura posúe unha intensidade tremenda, formal e conceptualmente, que te excarva, te intimida e te cuestiona... A escuridade de Goya, a descomposición xeométrica de Picasso, a fascinación polo movemento do futurista Boccioni, pero a profundidade estética e a densidade psicolóxica dun talento único, Francis Bacon.






20090203

Inauguración

Benvid@s, agardo que vos resulte acolledor o novo espazo. Tiña pensado soltar un rollo metablogueiro, cos "cómos" e os "porqués" pero a verdade é que entre o malestar catarral típico destas datas e as gañas que teño de quitarme de enriba a mudanza pois case que vou pasar de facelo. Só puntualizar que as seccións "Escritos", "Hip-Hopteca" e "Manoel-Antonio" importeinas dende o vello blog porque quero que figuren completas... manías miñas... O da música é un capricho que sei que pode resultar molesto, se así fose apagádela no cacharriño de abaixo e listo. Máis nada, pasade e poñédevos cómod@s, coa vosa presencia "Estás a falarme a min" versión 2.0 queda oficialmente inaugurado.