20090127

Pete Rock & CL Smooth

Se tivese que escoller o mellor disco da historia do Hip Hop, está claro que un dos candidatos con maiores opcións ó título, sería o maravilloso The Main Ingredient, de Pete Rock & CL Smooth. Lévoo escoitando dende o ano 96 cando o merquei, e sendo un disco do 94, xa entón, me parecía que soaba innovador. Pero tendo en conta que o Hip Hop é un xénero moi xove xurdido de cheo no apoxeo da electrónica, e que, ó igual que esta, experimentou unha evolución frenética, na que, o que era innovador un ano estaba desfasado ó pouco tempo, aínda me sorprende máis escoitalo cada vez que o recupero da discoteca (que é cada pouco) para abraiarme diante da atemporalidade que atesoura, tan característica das obras mestras. Este dúo neoiorquino de exigua duración discográfica (este sería o seu segundo e derradeiro disco, despois doutra xoia como "Mecca and the Soul Brother", do 92) acada nesta obra unha simbiose armónica impresionante que nada faría presaxiar as desavenencias que entre os membros surxiran e que rematarían por desfacé-lo grupo tra-la saída do disco. Pete Rock, un dos dj´s e productores de hiphop máis aclamados e solicitados dende entón, define unhas preciosistas bases sonoras fundamentadas en sampleos de xoias do jazz e do soul ("In the Flesh", "All the places", "Sun won´t come out") para as que crea liñas de baixo dunha elegancia extrema e boombap´s paradigmáticos e, ás que acaba por adornar delicadamente, cunha plástica e altamente efectiva técnica ó scratch ("Carmel City", e "I got a love" e "Tell me", son exemplos mestres neste aspecto). Sobre esta base, a suave (smooth) cadencia da voz e do fraseo de C.L., o seu fluxo lírico tenue e de engranaxe preciso, encaixa coma unha luva. Se a este aspecto lle angadimos a coidadísima lírica coa que o MC se reivindica, da inhabitual fondura poética que lle aporta ó xénero, pódese falar deste disco como un referente fundamental, necesario, e delicioso.


O dito, velaquí un exemplo:



No hay comentarios: