Mostrando entradas con la etiqueta Artes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Artes. Mostrar todas las entradas

20100308

Monet e a abstracción.

A outra mañá dinme un paseo ata a Fundación Caja Madrid para ver, de maneira gratuita (a ver canto dura iste "privilexio"), a pequena parte da macroexposición que sobre Monet están a facer no Museo Thyssen. A expo indaga nas orixes da abstracción aludindo a obras do pintor francés, e establecendo paralelismos entre cadros seus e doutros pintores. Cadros de coetáneos como William Turner, ó que xa coñecía e do que gusto especialmente, influencia para Monet na súa exploración da disolución de formas e cores, e tamen obras de artistas posteriores, contemporáneos, como Mark Rothko, De Kooning ou Jackson Pollock, xa parte íntegra e activa do movemento abstracto e aparentemente mentados por Monet.
A verdade é que semella unha exposición moi fermosa, pero, esta pequena parte que reside na Fundación Caja Madrid, probáblemente sexa a parte máis aburrida, xa que se concentra sobre todo nas pinturiñas de motivos vexetais que o artista fixo nos impresionantes xardíns da súa "humilde" casiña en Giverny, mentres o resto da humanidade se mataba na 1ª Guerra Mundial, e que, particularmente, me deixan un pouco frío. Ademais, nin Sam Francis, nin Joan Mitchell (que son dos que máis número de cadros se aportan) me pareceron evocadores máis alá da súa composición. Neste aspecto, si que me alegrou descubrir a faceta "paisaxista" de Gerhard Richter, un artista do que souben este vran grazas a unha fascinante e fermosa (fermosa e fascinante polo contido claro, formalmente era sosísima) exposición.
Dito esto, si, parecen quedar demostradas (dito esto dende a miña "profanía") apreciacións pictóricas que poidan considerarse enxendro do xénero abstracto; hai cadros da serie das "plantas acuáticas" (nenúfares, nympheas, glicinas) que son pura abstracción, ou case, e que me parecen o tramo máis fermoso e suxerente da mostra, i é que, tamen nas series dos "sauces" e da "ponte xaponesa" hai momentos moi experimentais neste sentido, mais tamen é certo que son HORRIBLES... ou polo menos así mo pareceron a min...
E, xa que estamos, gustariame facer referencia a un cadro que lle teño aprezo e que, penso eu, tamen se podería considerar unha precursión abstracta; a diferencia é que Goya (creo que xa mencionei nalgunha ocasión a miña devoción polas súas "Pinturas negras") pintouno dúas décadas antes que os referenciados Monet e Turner os seus... "El perro".





20090324

Eduardo Chillida



Hai unha certa maneira de coñecer -previa ó que chamamos coñecemento- dende a cal é posible, sen saber cómo é unha cousa, coñecela. Esta maneira de coñecer é tan aberta que admite diversas formas, sen que por iso aínda se sepa cómo é. Este precoñecemento ou aroma é o meu guía no descoñecido, no desexado, no necesario. Nunca discuto con el a priori e nunca deixo de facelo a posteriori.



Observei esta mañá, con grande intensidade, un cristal de cuarzo e cheguei a crer que se movía, que cambiaba, que vivía. ¿Non será esto certo?

¡Que lonxe do tempo dunha rosa!



O inalcanzable perfil da ponla movida polo vento.



Follas verdes, soños de ponlas que o vento debuxa cando se acaban.



Contra a orientación, a estabilidade, o coñecemento, a seguridade... Desorientación, inestabilidade, asombro (camiño cara o coñecemento).

Máis vale cento voando que paxaro en mao.



Fíxeno mellor porque non o coñecía e ía ateigado de dúbidas e asombro.



Ser escuma -soño branco da onda-, fin da respiración do mar.



A auga ensinou ó home

a non bloqueá-la horizontal.

Escoitemo-la luz para

non bloqueá-la vertical.



Non se ve sinon o que se ten xa dentro do ollo. Vese ben tendo o ollo cheo do que se mira. É bastante sinxelo, todo se reduce a aprender a preguntar.



A primeira vez que entrei en Santa Sofía, no Estambul, tiven unha visión tremenda de espacio musical... Tiña a impresión de estar a entrar nos pulmóns de Xoan Sebastián Bach.

20090212

Francis Bacon

A primeira aproximación á figura de Francis Bacon tivena a través dunha recomendable película chamada “El amor es el demonio”, de John Maybury, protagonizada por un incriblemente asemellado co protagonista, Derek Jacobi, que fai unha interpretación fantástica e ó que o acompaña no papel de seu malogrado amante George Dyer un Daniel Craig “pre-Bond” moi correcto. A inmersión cinematográfica na figura do pintor non podía deparar outro resultado que o dunha película escura, axitada, violenta, chea de poesía e carente de calquer atisbo de esperanza existencial. Fiel pois, á persoalidade e á obra de Bacon.
O Sábado fixen outra aproximación, esta máis íntima, coa pintura deste home atormentado e xenial, grazas á retrospectiva que del está a facer o Museo do Prado, un deses sitios polos que esta cidade caótica e perversa que é Madrid aínda merece a pena. E non é que sexa un especial admirador da pintura clásica que acolle, xa que aínda que resulta dunha pasmosa factura técnica, tanto retrato e tanta escea bíblica, mítica ou histórica, cánsanme... sin embargo, dentro do antigo Prado tamen hai uns cantos recunchos que o deixan a un “fóra de lugar”... un deles é a “Sala das pinturas negras” de Goya. Todo o que podería falar deste lugar deixareino para outro post, pero a cita ven a conto da fascinación que Bacon sentía polo autor daquela célebre máxima: “o soño da razón produce monstros”. E dende logo, parecera que Francis seguira ó pé da letra esta impresión goyesca, i é que a súa obra resulta dunha abismal singradura polas augas da psique. A exposición quizás merecera unha posta en escea máis elaborada, menos convencional, con máis espacio e con máis información, pero tamen é certo que un sae dela sen esa sensación de sobrecarga sensorial que deixan outras, resulta unha dose de arte baconiana precisa, polo menos se un é un profano, ou case, na materia. Gustoume, a súa pintura posúe unha intensidade tremenda, formal e conceptualmente, que te excarva, te intimida e te cuestiona... A escuridade de Goya, a descomposición xeométrica de Picasso, a fascinación polo movemento do futurista Boccioni, pero a profundidade estética e a densidade psicolóxica dun talento único, Francis Bacon.