20100330

"Last days", referencia e metarreferencia.


Nas últimas entradas fixen varias referencias ó mundo do cinema, e sen embargo aínda non publiquei unha palabra ó respecto dunha das obras cinematográficas que máis me impactaron nos últimos tempos, e cuxas imaxes tomei "prestadas" para a ambientación desta pequena sala de estar que é o meu blog. O susodito filme é "Last days", cuxa autoría pertence a Gus Van Sant, un director que constantemente se bifurca entre o "cine de autor" e o mainstream de maneira desconcertante, pero que na súa primeira verquente me resulta do máis interesante do panorama, i é que me encanta a súa particular vocación sociolóxica sempre acompañada da audacia formal.
Ben, pois chegou o momento, e para "eviscerar" esta metraxe, non atopo maneira máis axeitada (e cómoda ;) ) de facelo que reproducir textualmente un diálogo mantido neste mesmo blog co Pastor eléctrico, un visitante ocasional do que xa hai tempo que, por desgraza, non sabemos nada, e ó que agardo non lle amole esta "instrumentalización" das súas palabras.

Pero, antes de nada, e xa que introducín a metarreferencia, gustariame saber a vosa opinión con respecto a un aspecto do blog, isto é, a música. Pensaba que o feito de que se reproduza automáticamente nada máis abrí-la páxina pode resultar incómodo amais de dificultarvo-la navegación. Pronuciádevos se tedes a ben por favor.
Agora si, este é o mencionado debate acontecido entre os días 2 e 5 de Abril do pasado ano:

"-Pastor eléctrico: O outro día lembrei non sei por que Last Days e veume á cabeza o cabezallo do teu blog. Tendo en conta iso e o fondo, deducín (mira que espabiladiño son :D) que eras lixeiramente fan de Nirvana. O caso, que che pareceu o filme de Gus Van Sant? Eu escoitei opinións variadas, pero case todos os nirvanófilos botaron pestes dela.
A min gustoume, pero encadrándoa dentro desta sorte de filmes da morte con Gerry e Elephant. Así por separado pode ser que resulte un tanto estraña. Xa me contarás.
Un saúdo.
-Eu: Poooiss, si me gusta Nirvana, pero non sei se ata o punto de considerarme "nirvanófilo"... atráeme a figura de Cobain; a pesar de toda a súa carga de inxenuidade e "divinización" mediática, paréceme o máis sinceiro artista mainstream das últimas décadas, non era un xenio pero era honesto, e a honestidade non é un valor que cotice moi á alza nestes tempos de "extreme trepping".
En canto á película; non penso que sexa necesario complementala coas outras que citas (Gerry non a vin por certo, Elephant encantoume), pero é certo que Last Days en concreto é máis un exercicio de estilo (maravilloso) que unha película ó uso, en ningún caso un biopic.
Xa che digo que non vin Gerry, pero tendo en conta as outras dúas e a súa filmografía e, a falta de ver Paranoid Park, eu diría que o verdadeiro fío conductor da súa obra é, máis que a morte, a xuventude, a adolescencia sobre todo, toda a complexidade emocional que comporta, da que uns saen ben parados mentres outros quedan atrapados nela; neste sentido, a referencia máis ou menos directa a Kurt Cobain era por tanto, obligada, non só pola figura en si mesma, senon pola tremenda influencia que exerceu en tantos xóvenes.
Lémonos, saúdos.
-P.e.: Coincido contigo en grande medida.
O feito de que eu as complementase ven un pouco por ese exercio de estilo ao que fas mención, xa que me resultan moi semellantes na súa realización; sobria, fragmentaria, apenas sen máis son que o ambiente e pequenos diálogos... coa problemática identitaria e a anguria xuvenil que desenboca na morte. Mortes que son, ademais, impactantes. A presenza desa especie de néboa mesta convírteas en frías sen chegar ao lúgubre. A min deixoume o corpo frío a verdade, ainda que máis Elephant.
Eu tampouco o consideraría un biopis, sobre todo porque o propio Van Sant evitou que así fose por medo ás posíbeis (e probabeis) demandas.
A adolescencia penso eu que nos filmes de Van Sant acha o conflicto na apertura a un mundo prototípico adulto e na dificultade de adaptación do diferente, en moitos casos por cuestión sexual. No caso de Last Days penso que a cuestión principal é o desexo de liberdade frustrado polo feito de buscalo, a música condeouno a non poder ser anónimo, a ansia de liberdade para expresarse tórnase na súa contra e convírtese nun cárcere.
-Eu: É certo que hai unha sorte de interconexión formal e de fondo, pero no caso de Last Days a abstracción narrativa en favor da evocación poética é moito máis acusada, e extráname moito que houbese outra intención en Van Sant (a dun biopic) que non fose a materializada, a verdade, pero pode ser.
Por outra banda, estou totalmente de acordo na túa referencia á adolescencia "vansantiana" como "o conflicto na apertura a un mundo prototípico adulto e na dificultade de adaptación do diferente", no que xa discrepo algo e no da "cuestión sexual", eu non percibo que lle conceda unha especial relevancia a este factor.
Por último, estou de acordo coa túa lectura da película se entramos a valorala identificando ó persoaxe con Cobain, pero sinceramente creo que se pode prescindir por completo desa referencia. Ó meu entender, a película gravita sobre o eixo da incomunicación, tanto a nivel "interno" (argumental) como "externo" (formal), e fai fincapé nas dificultades e carencias que pode supor.
Un pracer, saúdos!!"


 
 

20100324

BANO, cum laude.


BANO xa nos deixara un feixiño de pérolas alá polo ano ´97 que "por suposto", foron complétamente infravaloradas pola emerxente,  e "sectarísima", parroquia hip-hop estatal do momento. Supoño que agora, 13 ;) anos despois non será moi diferente, i é que, se naquel entón, xa a mesma disgresión formal completamente heterodoxa que o definía supuxo a súa "exclusión", agora, momento no que o xénero está moito máis desarrollado e polo tanto, supostamente, cunha maior capacidade receptiva por parte da súa masa social, atoparase, probablemente, con outra barreira non menos dificultosa, a da ideoloxía. I é que, á mesma evolución formal do xénero como "moda", acompañou unha progresiva incorporación dos valores dominantes na importación norteamericana, derivados sobre todo da súa verquente máis comercial, isto é; competición extrema, egolatría extrema, sobrevaloración das posesións materiais, culto á tecnoloxía, violencia.... BANO é a antangonía de todos istes conceptos, porque, por entre as sólidas e radicais nocións de ecoloxismo e humanismo que manexa, eríxese nunha sorte de "anti-profeta", que a través dunha profunda lírica (por fin, e aínda que moitos o reclaman, atopo algún MC ó que aplicarlle-lo término) traballada sílaba a sílaba, unha enorme dose de sarcasmo, un flow completamente xenuíno e hábil, e unha producción musical impecable, deconstrúe esta sociedade de consumo pola que nós mesmos, consumidores compulsivos, fomos xa consumidos, ensumíndonos en mera flora intestinal, cando non en excremento. Sen máis preámbulos...




20100316

"Xigante", unha película mínima.

Falareivos hoxe doutro filme... si, estou moi cinéfilo últimamente... Pois si, falareivos dunha producción uruguaia que me encantou e me deixou cun sorriso amplo e suave, desos de beizos apretados, sinxelo de esbozar, persistente. Unha realizazón que a través dos mínimos recursos formais e narrativos acada un resultado ben poético e brilante, alquímico pois.
O argumento cóntanos como a monótona vida dun "segurata", encargado de vixiar un supermercado a través das cámaras de seguridade, cambia no momento en que se incorpora ó traballo de limpiadora no establecemento unha moza que lle causa especial atracción. E xa está. Nin durante, nin ó final, acontece nada máis extraordinario; nada especialmente dramático, nada especialmente cómico, os personaxes están máis esbozados que definidos, as interpretacións non requiren dunha descarga emocional complexa... e sen embargo, chegas á fin da metraxe cunha apetencia pasmosa. Velaí a alquimia. E cómo se consegue este truco de prestidixitación? pois a través dunha vertebración visual tan complementaria do narrado como rica en aportes.

Storyboard:
-Apenas hai movementos de cámara e as excepcións que se producen son prácticamente todas definidas por movementos lentos e horizontais. A este respecto, eu fago dúas lecturas; por un lado, conséguese unha sensación de "estatismo" que contribúe a intensificar a sensación de monotonía e linealidade que define a vida do protagonista. Da mesma maneira, e por contraposición, enfatízase a importancia do personaxe feminino na narración, xa que as súas breves aparicións en escea sempre van acompañadas dun alto dinamismo visual.
Por outro, eu interpreto certo guiño ó mundo da banda deseñada (guiño que non será o único, pero evitarei caer no "spoiler".... qué expresión tan snob, por certo...) xa que o efecto visual provocado por esta abundancia de planos fixos é o equivalente á contemplación da historia a través dunha sucesión de viñetas.


-Fermosas composicións de plano, todo un alarde de coidado polo detalle e perfecto exercizo de equilibrio entre espazo, color e xeometría, sen por elo restar naturalidade e "frescura" ó conxunto.

-A concesión dun gran protagonismo físico ós monitores, xa sexa de Tv, de ordenador, de móvil... tamen ós espellos... un hábil simbolismo que, ademais de constituírse como evidente metarreferencia, fai alusión ó desdobramento que implica, no protagonista, a oposición entre a realidade e a ilusión, entre a vida cotiá e a soñada.


-Banda sonora. A pesar de que gran parte da metraxe está dominada polo silencio, ou pola "tranquilidade" sonora, os momentos nos que se engaden músicas ó relato estas encaixan como luvas e consiguen a simbiose precisa coa imáxen e a narración.

E velaiquí unha mostra:


20100308

Monet e a abstracción.

A outra mañá dinme un paseo ata a Fundación Caja Madrid para ver, de maneira gratuita (a ver canto dura iste "privilexio"), a pequena parte da macroexposición que sobre Monet están a facer no Museo Thyssen. A expo indaga nas orixes da abstracción aludindo a obras do pintor francés, e establecendo paralelismos entre cadros seus e doutros pintores. Cadros de coetáneos como William Turner, ó que xa coñecía e do que gusto especialmente, influencia para Monet na súa exploración da disolución de formas e cores, e tamen obras de artistas posteriores, contemporáneos, como Mark Rothko, De Kooning ou Jackson Pollock, xa parte íntegra e activa do movemento abstracto e aparentemente mentados por Monet.
A verdade é que semella unha exposición moi fermosa, pero, esta pequena parte que reside na Fundación Caja Madrid, probáblemente sexa a parte máis aburrida, xa que se concentra sobre todo nas pinturiñas de motivos vexetais que o artista fixo nos impresionantes xardíns da súa "humilde" casiña en Giverny, mentres o resto da humanidade se mataba na 1ª Guerra Mundial, e que, particularmente, me deixan un pouco frío. Ademais, nin Sam Francis, nin Joan Mitchell (que son dos que máis número de cadros se aportan) me pareceron evocadores máis alá da súa composición. Neste aspecto, si que me alegrou descubrir a faceta "paisaxista" de Gerhard Richter, un artista do que souben este vran grazas a unha fascinante e fermosa (fermosa e fascinante polo contido claro, formalmente era sosísima) exposición.
Dito esto, si, parecen quedar demostradas (dito esto dende a miña "profanía") apreciacións pictóricas que poidan considerarse enxendro do xénero abstracto; hai cadros da serie das "plantas acuáticas" (nenúfares, nympheas, glicinas) que son pura abstracción, ou case, e que me parecen o tramo máis fermoso e suxerente da mostra, i é que, tamen nas series dos "sauces" e da "ponte xaponesa" hai momentos moi experimentais neste sentido, mais tamen é certo que son HORRIBLES... ou polo menos así mo pareceron a min...
E, xa que estamos, gustariame facer referencia a un cadro que lle teño aprezo e que, penso eu, tamen se podería considerar unha precursión abstracta; a diferencia é que Goya (creo que xa mencionei nalgunha ocasión a miña devoción polas súas "Pinturas negras") pintouno dúas décadas antes que os referenciados Monet e Turner os seus... "El perro".





20100307

Día de viño e Oscar.

Parece que este será un dos viños que na madrugada de hoxe se degustará na hortera cerimonia dos Oscar... teremos que probalo... chin-chin!

20100302

"District 9", post-posmodernidade









e rexeneración da conciencia.



Non sei por onde comezar a falar desta obra. E digo "obra" porque, a risco de resultar esaxerado, o termo "película" antóllaseme curto; curto por excesívamente obxectual e supérfluo, cando do que estamos a falar é dunha empresa (a primeira, o cal resulta aínda máis sorprendente, que emprende o seu director novicio, Neil Blomkamp; ao amparo, eso si, dun "xigante" vido a menos como Peter Jackson) que, incluso nos seus aspectos máis tanxibles, resulta dunha "auto-trascendencia" inaudita... cómo expresalo dunha maneira máis gráfica?... si, o que quero dicir é: que todo o filmado é unha inspiración para navegarmos polos máis recentes (e incluso non tan recentes) cauces da Historia da humanidade, así como da historia do Cinema, e non ó revés, como adoita a ser habitual... o sustrato é o estrato, e viceversa.
Pero... vaiamos por partes....

Neuroloxía:
Johannesburgo, Sudáfrica, unha nave alieníxena á deriva recala sobre os ceos da cidade e permanece inmóvil sin aparente actividade. Organízase unha misión de "rescate" a través da cal os seus ocupantes, débiles e desorientados, son trasladados a terra e rehubicados nun... "Soweto".
Este acontecemento eminentemente metafórico, sirve como punto de partida para unha minuciosa e implacable disección, a través dunha sorte de "inversión de valores" Nietzscheniana aplicada ó cine de "masas", dos entramados socio-políticos que teñen definido e definen a nosa convulsa realidade planetaria. Certa actitude "naif" sobrevoa todo o filme, acentuando elementos dramáticos por contraposición, se ben, o primeiro tramo do filme adoptará un tono grotesco e frívolo abundado de humor negro, para, posteriormente, e de maneira case prodixiosa, mutante diriamos, e tamen grazas ó traballo interpretativo do protagonista, ir gañando en peso dramático de calado moi suxestivo, e que nos recordará, ineludíblemente, as opresivas atmósferas e, incluso argumentacións, do ilustre Franz Kafka... é máis, este aspecto merecería unha análise aparte pola cantidade de detalles cos que, conscientemente, o realizador establece paralelismos coa obra do autor checo.

Morfoloxía.
Articulación, unha vez máis, mutante, que irá artellando ciencia ficción, cine documental, comedia, drama, terror e thriller, nunha multiplicidade formal logradísima e fascinante pola efectividade e variedade de estilos narrativos utilizados. Neste punto, quizais se bota en falta algún recurso estético que dote de máis persoalidade e textura a un conxunto que por momentos semella algo plano na realización; dito esto, se pensamos que o presuposto manexado polo director non era precísamente alto, é comprensible entender esta carencia, i é que, probablemente necesitase a maior parte dos cartos para a realizadísima e impresionante animación dos alieníxenas. Por outra parte, explicareime no que anteriormente refería dicindo "incluso nos seus aspectos máis tanxibles, resulta dunha "auto-trascendencia" inaudita". I é que, como dicía, nas súas precisas e exhaustivas apelacións, neste caso cinematográficas, un deduce que, máis que "inspirarse", ou homenaxear, Blomkamp reivindica, de tal xeito que un está a ver a través das súas imaxes esta outra, dalgunha maneira, representación de mitoloxía do cine norteamericano de ciencia ficción: "A Mosca", "E.T", "Depredador", "Alien", "Robocop", "Encontros na 3ª fase"... curiosamente, todas estas películas plantexan, con maior ou menor brillantez, dilemas morais que se engaden á traballada proxección formal.