Nas últimas entradas fixen varias referencias ó mundo do cinema, e sen embargo aínda non publiquei unha palabra ó respecto dunha das obras cinematográficas que máis me impactaron nos últimos tempos, e cuxas imaxes tomei "prestadas" para a ambientación desta pequena sala de estar que é o meu blog. O susodito filme é "Last days", cuxa autoría pertence a Gus Van Sant, un director que constantemente se bifurca entre o "cine de autor" e o mainstream de maneira desconcertante, pero que na súa primeira verquente me resulta do máis interesante do panorama, i é que me encanta a súa particular vocación sociolóxica sempre acompañada da audacia formal.
Ben, pois chegou o momento, e para "eviscerar" esta metraxe, non atopo maneira máis axeitada (e cómoda ;) ) de facelo que reproducir textualmente un diálogo mantido neste mesmo blog co Pastor eléctrico, un visitante ocasional do que xa hai tempo que, por desgraza, non sabemos nada, e ó que agardo non lle amole esta "instrumentalización" das súas palabras.
Pero, antes de nada, e xa que introducín a metarreferencia, gustariame saber a vosa opinión con respecto a un aspecto do blog, isto é, a música. Pensaba que o feito de que se reproduza automáticamente nada máis abrí-la páxina pode resultar incómodo amais de dificultarvo-la navegación. Pronuciádevos se tedes a ben por favor.
Agora si, este é o mencionado debate acontecido entre os días 2 e 5 de Abril do pasado ano:
"-Pastor eléctrico: O outro día lembrei non sei por que Last Days e veume á cabeza o cabezallo do teu blog. Tendo en conta iso e o fondo, deducín (mira que espabiladiño son :D) que eras lixeiramente fan de Nirvana. O caso, que che pareceu o filme de Gus Van Sant? Eu escoitei opinións variadas, pero case todos os nirvanófilos botaron pestes dela.
A min gustoume, pero encadrándoa dentro desta sorte de filmes da morte con Gerry e Elephant. Así por separado pode ser que resulte un tanto estraña. Xa me contarás.
Un saúdo.
-Eu: Poooiss, si me gusta Nirvana, pero non sei se ata o punto de considerarme "nirvanófilo"... atráeme a figura de Cobain; a pesar de toda a súa carga de inxenuidade e "divinización" mediática, paréceme o máis sinceiro artista mainstream das últimas décadas, non era un xenio pero era honesto, e a honestidade non é un valor que cotice moi á alza nestes tempos de "extreme trepping".
En canto á película; non penso que sexa necesario complementala coas outras que citas (Gerry non a vin por certo, Elephant encantoume), pero é certo que Last Days en concreto é máis un exercicio de estilo (maravilloso) que unha película ó uso, en ningún caso un biopic.
Xa che digo que non vin Gerry, pero tendo en conta as outras dúas e a súa filmografía e, a falta de ver Paranoid Park, eu diría que o verdadeiro fío conductor da súa obra é, máis que a morte, a xuventude, a adolescencia sobre todo, toda a complexidade emocional que comporta, da que uns saen ben parados mentres outros quedan atrapados nela; neste sentido, a referencia máis ou menos directa a Kurt Cobain era por tanto, obligada, non só pola figura en si mesma, senon pola tremenda influencia que exerceu en tantos xóvenes.
Lémonos, saúdos.
-P.e.: Coincido contigo en grande medida.
O feito de que eu as complementase ven un pouco por ese exercio de estilo ao que fas mención, xa que me resultan moi semellantes na súa realización; sobria, fragmentaria, apenas sen máis son que o ambiente e pequenos diálogos... coa problemática identitaria e a anguria xuvenil que desenboca na morte. Mortes que son, ademais, impactantes. A presenza desa especie de néboa mesta convírteas en frías sen chegar ao lúgubre. A min deixoume o corpo frío a verdade, ainda que máis Elephant.
Eu tampouco o consideraría un biopis, sobre todo porque o propio Van Sant evitou que así fose por medo ás posíbeis (e probabeis) demandas.
A adolescencia penso eu que nos filmes de Van Sant acha o conflicto na apertura a un mundo prototípico adulto e na dificultade de adaptación do diferente, en moitos casos por cuestión sexual. No caso de Last Days penso que a cuestión principal é o desexo de liberdade frustrado polo feito de buscalo, a música condeouno a non poder ser anónimo, a ansia de liberdade para expresarse tórnase na súa contra e convírtese nun cárcere.
-Eu: É certo que hai unha sorte de interconexión formal e de fondo, pero no caso de Last Days a abstracción narrativa en favor da evocación poética é moito máis acusada, e extráname moito que houbese outra intención en Van Sant (a dun biopic) que non fose a materializada, a verdade, pero pode ser.
Por outra banda, estou totalmente de acordo na túa referencia á adolescencia "vansantiana" como "o conflicto na apertura a un mundo prototípico adulto e na dificultade de adaptación do diferente", no que xa discrepo algo e no da "cuestión sexual", eu non percibo que lle conceda unha especial relevancia a este factor.
Por último, estou de acordo coa túa lectura da película se entramos a valorala identificando ó persoaxe con Cobain, pero sinceramente creo que se pode prescindir por completo desa referencia. Ó meu entender, a película gravita sobre o eixo da incomunicación, tanto a nivel "interno" (argumental) como "externo" (formal), e fai fincapé nas dificultades e carencias que pode supor.
Un pracer, saúdos!!"
6 comentarios:
Non me amola que empregues as palabras. Unha das cousas que máis me gusta non mundo é falar sobre cinema. Van Sant é un dos directores que máis aprecio dentro desa corrente de "cinema de autor" americano tan ligado aos estudios pero que conserva a esencia dos filmes artesanais e elaborados con plena consciencia e minuciosidade.
Creo que non temos visións moi distintas do filme nin da figura de Cobain, unha das máis icónicas dende que irrompeu dende Seattle alá polos anos 90. Creo que un filme coma iste era preciso para desmitificar (se é que é posíbel) un mito tan grande que mudou a música e ao que case todos os grupos de pop e rock actual deben tanto.
Por último comentar que a miña ausencia sexa temporal, mais non atopo tempo para actualizar o blogue ultimamente, agardo que iso mude rápido.
Un pracer falar outra vez desta figura e deste filme.
Un saúdo.
Non sei por que me sae como anónimo o comentario en calquera caso, son o Pastor ;)
Igualmente... (aínda que, un tanto desacougado ante o teu rápido coñecemento desta cita... traballas na Stasi ou qué jajajaa) un saúdo ho.
Foi o RSS que se chivou. Aínda que non escriba moito sigo atento aos blogues ;)
A min o da música amólame bastante en xeral, con independencia do que sexa, xa que xeralmente a teño posta eu, crúzase e non dou atopado o botón para parala até despois dun cacho. Tamén porque me ten dado problemas nalgún traballo cando andas lacazaneando uns minutos e vai e salta automaticamente... ;-)
En calquera caso, coma o Pastor eu hai moito tempo que leo sobre todo por RSS, de feito volvín entrar aquí despois de moito tempo seguíndo o blog así cando actualicei as ligazóns do meu e fixen un repaso xeral polos meus contactos. Sorprendeume o cambio de aparencia, quedou ben, aínda que por veces, especialmente en textos longos, marea un pouco.
Un saúdo, acabo de decatarme de que tamén había un monte de tempo que non comentaba. :-P
Supúñao Mario... voulle quitar a reproducción automática
Tamen tiña, e teño, as miñas dúbidas con respecto á cor do texto, era consciente da súa incomodidade, pero a verdade é que non atopei outra cor mellor, ademais de que "continuaba" a liña estética marcada pola anterior versión do blog, definida polo verde e o laranxa... algo que por outra parte non ten maior importancia... terei que pescudar alternativas... gustoso de lerte de novo por acó!
Publicar un comentario