Mostrando entradas con la etiqueta Eduardo Chillida. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Eduardo Chillida. Mostrar todas las entradas

20090324

Eduardo Chillida



Hai unha certa maneira de coñecer -previa ó que chamamos coñecemento- dende a cal é posible, sen saber cómo é unha cousa, coñecela. Esta maneira de coñecer é tan aberta que admite diversas formas, sen que por iso aínda se sepa cómo é. Este precoñecemento ou aroma é o meu guía no descoñecido, no desexado, no necesario. Nunca discuto con el a priori e nunca deixo de facelo a posteriori.



Observei esta mañá, con grande intensidade, un cristal de cuarzo e cheguei a crer que se movía, que cambiaba, que vivía. ¿Non será esto certo?

¡Que lonxe do tempo dunha rosa!



O inalcanzable perfil da ponla movida polo vento.



Follas verdes, soños de ponlas que o vento debuxa cando se acaban.



Contra a orientación, a estabilidade, o coñecemento, a seguridade... Desorientación, inestabilidade, asombro (camiño cara o coñecemento).

Máis vale cento voando que paxaro en mao.



Fíxeno mellor porque non o coñecía e ía ateigado de dúbidas e asombro.



Ser escuma -soño branco da onda-, fin da respiración do mar.



A auga ensinou ó home

a non bloqueá-la horizontal.

Escoitemo-la luz para

non bloqueá-la vertical.



Non se ve sinon o que se ten xa dentro do ollo. Vese ben tendo o ollo cheo do que se mira. É bastante sinxelo, todo se reduce a aprender a preguntar.



A primeira vez que entrei en Santa Sofía, no Estambul, tiven unha visión tremenda de espacio musical... Tiña a impresión de estar a entrar nos pulmóns de Xoan Sebastián Bach.